Abren en Galicia o prazo de inscrición para o curso gratuíto de pilotaxe de drons para mulleres rurais de 'FADEMUR Vuela'
16 de abril de 2024. Tras pasar por dez comunidades autónomas en 2023 e formar e certificar a 250 mulleres rurais como pilotas, a escola itinerante ‘FADEMUR Vuela’ retoma os seus cursos de drons en 2024 grazas á organización que promove esta iniciativa, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR).
Na edición do curso que FADEMUR lanza agora en Galicia poderán participar un total de 30 mulleres do medio rural, con prioridade para aquelas que estean en situación de desemprego ou que traballen nunha explotación agrícola ou gandeira na que queiran aplicar o uso de drons.
Estes cursos de drons serven ás participantes para obter, de balde, a titulación de pilotas a distancia de UAS/drones na categoría aberta, A1/A3, A2 e STS01 e STS02 certificada por AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). Ademais, tamén acadarán a certificación de Fotogrametría, que brinda as técnicas precisas para tirar mapas e planos de grandes extensións de terra por medio da fotografía aérea.
O curso de pilotaxe de drons consta de 80 horas de formación, na súa meirande parte online, con sesións prácticas e exames presenciais. Despois dunha primeira parte sobre pilotaxe, as alumnas elixirán unha especialización, tamén de balde, en aplicación de drons en agricultura de precisión ou en drons con fins audiovisuais. As mulleres poderán completar a instrución ao longo de dous meses.
As mulleres interesadas en participar só teñen que completar e enviar o formulario online habilitado pola organización. O prazo de solicitude rematará o vindeiro día 26 de maio. Posteriormente, FADEMUR porase en contacto coas 30 mulleres rurais seleccionadas para iniciar a formación o día 4 de xuño.
Cursos de drons de ‘FADEMUR Vuela’ en ‘Plan Allen Rural’
A escola ‘FADEMUR Vuela’ traballa para formar unha promoción de mulleres rurais pilotas de dron. Concretamente, 500 mulleres rurais pilotas en dous anos. Desta forma, FADEMUR aproveita a dixitalización para acurtar a fenda entre homes e mulleres nos pobos e, á súa vez, adianta na sustentabilidade das producións rurais.
Para lanzar a súa escola de pilotas de dron, FADEMUR conta coa experiencia da academia Advanced Smart Robotics (ASR-Formación), da empresa Pirineos Drone, e mailo apoio de IKEA, compañía que financia esta e outras iniciativas no marco do programa ‘Plan Allen Rural’ de FADEMUR.
Con ‘Plan Allen Rural’, FADEMUR persegue un ambicioso obxectivo: mellorar a situación de máis de 1.000 mulleres de toda España no sector agroalimentario e o ámbito rural de Aragón, Cataluña, Extremadura, Castela e León, Castela-A Mancha, Galicia, A Rioxa, Comunidade Valenciana, Rexión de Murcia e Andalucía.
Ademáis da formación en pilotaxe de dron, o ‘Plan Allen Rural’ de FADEMUR tamén axuda ás mulleres agricultoras e gandeiras na transición ecolóxica das súas explotacións, a mellorar a comercialización dos seus produtos e a complementar os seus proxectos con iniciativas de agroturismo, entre outras cuestións.
‘Plan Allen Rural’ en 2023
Durante 2023, o primeiro ano de execución de ‘Plan Allen Rural’, FADEMUR realizou máis de 1.500 horas de asesoramento a mulleres rurais emprendedoras e impartiu máis de 12.600 horas de formación ás participantes no programa, destacando a certificación de 250 mulleres como pilotas de drons a través da escola itinerante 'FADEMUR Vuela'.
A organización lembra que participar en todas as actividades de ‘Plan Allen Rural’ é completamente de balde. Aquelas mulleres interesadas en acadar máis información e participar poden conseguila enviando un correo electrónico a info@fademur.es
- Máis información: Paula Álvarez, xefa de Prensa de FADEMUR. 647 503 06.
|